O meu aniversario: Oh! O meu espertador acaba de soar. Hoxe fago oito anos, estou de
aniversario e téñenme prometido ir ao parque de atraccións! Que ledicia. Mágoa que
meu irmán ten que ir ao médico; eu quero que se poña ben para xogarmos xuntos.
Érgome e vístome axiña, quero marchar xa. Preparo o meu almorzo nun clic co micro,
vístome, e xa me poño preto da porta co meu anorak ultra-lixeiro. Xa estamos todos,
corremos a coller o tren, vai súper rápido e case non fai ruído, canto me gusta; non digo
nada para que non poidan pensar que isto xa é o meu agasallo.
Imos primeiro ao hospital. A médica déixanos ver unha fotografía moi rara do meu irmán
por dentro. Aínda que eu non vexo nada do que ela está a dicir, meus pais están moi
contentos: vaise recuperar moi pronto!!
Estou que rebento de alegría. Corremos de novo para chegar ás atraccións e subimos á
nova deste ano, un foguete que dá talmente a sensación de ir nunha nave espacial. Meu
irmán e mais eu temos a risa parva: que medo e canto nos está a gustar.
O mundo da ciencia: E agora preguntarasme, non ías falar de ciencia? Claro que si, ou
como pensas ti que se acadaron na historia todas esas pequenas cousas que tanto che
gustan? A precisión dos reloxos, o funcionamento dos microondas, a obtención de novos
tecidos, os sistemas de transporte cómodos, seguros e rápidos, os trebellos que viches
no hospital que mesmo parecía que estabas xa nunha nave espacial, ou o foguete
da atracción son só un pequeno reflexo do que os científicos e científicas ao longo
de moitas xeracións fixeron por todos nós. Realmente se te fixas son o resultado de
cuestións moi simples como: E se puidese voar? E ver o meu interior sen facerme unha
ferida? Cada unha delas responden a un soño, a unha ilusión, ou a unha necesidade.
Parecen sinxelas pero piden respostas moi complexas: requiren facer encaixar coma
nun crebacabezas unha miríade de pequenas ideas, experimentos, demostracións
e validacións que levan a avances e a fracasos _ que tamén os hai _, e que son tan
importantes coma os éxitos. Cada peza deste crebacabezas é, en si mesma, un gran
desafío no camiño que precisa da achega de investigadores de moitas áreas: física,
matemáticas, química, enxeñaría, bioloxía, medicina... e resulta ser unha suma de
anacos de coñecemento desenvolvidos ao longo de séculos e, o que é máis difícil, cada
peza debe servir para encaixar con outras, e pegalas ben é toda unha arte.
Así que xa sabes: construír ciencia é poñer a lupa sobre o que xa se coñece, identificar
o aplicable ao noso soño, e intentar completar as pezas que faltan do crebacabezas
con novas ideas que, como non, deben ser verificadas; trátase dun proceso creativo
que require paixón ante os desafíos e moito traballo. Non esquezas que todo este
coñecemento científico pódelo atopar nos libros ben ordenados destas bibliotecas,
sempre boas compañeiras.
Da ciencia depende o futuro do noso planeta e o benestar de todos os seres que o
habitan. Coida da ciencia, coida do planeta, coida do teu futuro: é a túa achega, é a
nosa obriga.
Dep. Legal: C 1813-2017
Peregrina Quintela Estévez
Matemática. Premio María Josefa Wonenburger Planells 2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario